A A

Propiedade intelectual

A Facultade de Ciencias da Educación expresa publicamente o seu compromiso contra o plaxio, e polo respecto da propiedade de obras e ideas de todos e todas. Para iso despregáronse diferentes iniciativas dirixidas a previr e a detectar o mal uso das ideas e obras dos demais.

Prevención

No ámbito das competencias do Centro puxéronse en marcha, dentro das guías docentes dos títulos de Grao e Mestrado, accións formativas dirixidas a desenvolver nos estudantes unha actitude ética fronte ao uso de ideas doutros autores, así como das consecuencias dun uso inapropiado das mesmas. Ademais de proporcionar información, o profesorado contribúe á formación de hábitos de traballo nos estudantes dirixidos a que identifiquen sempre nas súas anotacións a fonte e, no seu caso, as páxinas concretas, de onde extraen os seus resumos ou citas textuais.

Asemade, dentro do Plan de Acción Titorial do Centro, programaranse ao comezo de cada cuadrimestre obradoiros formativos para a prevención do plaxio nos Traballos Fin de Grao e nos Traballos Fin de Mestrado. Os autores destes traballos deben asinar o documento oficial que a Facultade pon á súa disposición, para garantir a orixinalidade, o respecto das ideas dos autores, e a veracidade dos seus contidos.

Nesta dirección, a Facultade habilita na súa páxina principal un espazo específico e destacado, para informar e proporcionar ferramentas útiles a profesorado e estudantes.

É política da Facultade, non autorizar a través das comisións de titulación, a publicación de ningún traballo no RUC que non sexa verificado a través dunha aplicación antiplaxio.


NON DEBEMOS ESQUECER

Plaxio. Os investigadores non se apropian das palabras e ideas doutros.

As comiñas deben usarse para indicar as palabras exactas do autor orixinal. Debe incluírse a páxina ou páxinas da obra da que se extraeron.

Cada vez que se parafrasea a outro autor (é dicir, resúmese unha pasaxe ou reordena a orde das palabras nunha oración, ou se cambian algunhas palabras), é obrigatorio citar a fonte no texto. Isto inclúe ás comunicacións persoais.

Para evitar denuncias por plaxio, é recomendable tomar notas coidadosas mentres se realiza o estudo, de modo que se poida facer un seguimento das súas fontes. Auto-plaxio Mentres que o plaxio refírese á práctica de atribuírse as palabras, ideas e conceptos doutros, o auto-plaxio refírese á práctica de presentar o que xa publicamos coma se fose novo. O previamente publicado só debe utilizarse para que se comprenda a contribución do novo traballo, ben sexa na introdución teórica como no método.