Servizo de préstamo

O préstamo réxese polas Normas de préstamo do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña, aprobadas pola comisión da Biblioteca Universitaria o 17 de novembro de 2008.

Para acceder a este servizo, hai que presentar a Tarxeta de usuario (ou DNI ou pasaporte) que acredite que se pertence a algún dos grupos de persoas relacionadas no punto 2 das Normas de Préstamo.

Todos os materiais bibliográficos da UDC son susceptibles de seren prestados. Algúns documentos, por razóns de uso, antigüidade ou preservación, poderanse consultar unicamente na biblioteca (punto 4 das Normas de préstamo).

O número de obras que poden ser solicitadas en préstamo e a duración deste varía segundo o tipo de usuario:

USUARIO OBRAS DÍAS
Estudantado de grao, 1.º e 2.º ciclo e senior; PAS 6 10
Estudantado de doutoramento 25 21
Estudantado de másteres, proxecto de fin de grao ou fin de carreira 10 21
PDI, profesorado visitante 100 Curso
Persoal bolseiro de investigación e persoal investigador contratado 25 Curso
Usuarios autorizados externos 3 10

 

PRÉSTAMO INTERCENTROS

Os usuarios, a través da súa biblioteca, poden solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de se desprazar. Poden solicitar este servizo na biblioteca do centro a que pertencen. As condicións do préstamo intercentros serán as mesmas que as de préstamo a domicilio.

Unha vez que chegue o documento, este reterase na biblioteca solicitante o día da súa recepción e o seguinte, e devolverase á biblioteca prestataria o terceiro día. O usuario recibirá un correo electrónico cando o libro chegue á biblioteca.

DEVOLUCIÓN (DEMORA, PERDA E PENALIZACIÓN)

Os libros prestados poden devolverse en calquera das bibliotecas da UDC, entregándoos nos mostradores de préstamo correspondentes. Por cada día de demora na devolución e por cada libro acumularanse días de penalización (deméritos) no rexistro do usuario. Cando o número de deméritos sexa igual ou superior a 10, o usuario será excluído do servizo de prestamo; este bloqueo efectuarase por períodos de 10 días. Deste modo, por exemplo, se se devolve un libro con 15 días de atraso, o bloqueo será de 10 días e quedarán os 5 restantes pendentes.

Se se perde a obra en préstamo é preciso poñerse en contacto coa dirección da biblioteca.

LECTORES DE LIBROS ELECTRÓNICOS

A biblioteca conta ademais con 10 lectores de libros electrónicos para levar en préstamo. Descargue aquí a normativa de uso e o impreso de solicitude de préstamo.

 

Para máis información consulte a Guía de préstamo ou acuda ao persoal da Biblioteca.