Novas

   
16/05/2019
VII Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

 


O xoves 16 de maio de 2019 a Facultade de Ciencias da Educación acollerá a VII Xornadas de Educación para o desenvolvemento e a Cidadanía Global (EPDCG). Trátase dunha iniciativa colaborativa entre a ONGD Solidariedade Internacional de Galicia (SIG) e profesorado da Facultade, no marco dun proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que ten, entre os seus obxectivos, introducir a perspectiva da EPDCG no currículo da Educación Superior.


Desde as 10 ata as 15 horas poderase participar nas seguintes actividades, nas que alumnado de diferentes cursos, materias e titulacións, amosará os traballos realizados desde o enfoque da EPDCG, promovendo espazos de reflexión e construción compartida de coñecemento:



  • Exposición sobre economía circular, organizada por alumnado de 1º curso do Grao en Educación Social, na que se amosará o traballo investigación realizado sobre dezasete empresas de diferentes sectores nas que, ademais de dar un novo uso a material de refugallo, se avoga por un modelo de negocio ecoloxicamente responsable.

  • Presentación da sala cartográfica: Historias de vida, territorio e vulnerabilidade. Espazo de encontro no que se presentarán os resultados da cartografía emocional do dereito ao hábitat, elaborada polo alumnado de 3º curso do Grao en Educación Social en colaboración con Arquitectura sen Fronteiras. Trátase dun mapa subxectivo dos afectos e emocións no que se recollen 238 relatos de pasado, presente e futuro, construídos a partir das entrevistas a 71 persoas en situación de vulnerabilidade (senfogarismo, prostitución, privación de liberdade, minorías étnicas, inmigración...), nos que se narra a forma en que recordan, senten, problematizan e proxectan o espazo que habitan.

  • Proxección dun vídeo sobre África, elaborado como resultado dunha experiencia de aprendizaxe-servizo. Nesta iniciativa estudantes de 1º curso do Grao en Educación Primaria aportaron recursos dixitais a alumnado de 3º curso de Educación Primaria dun centro público da provincia da Coruña, para que creasen o seu proxecto dirixido  cambiar a mirada sobre África.

  • Proxección e debate arredor de diferentes produtos audiovisuais, creados por alumnado de 4º curso do Graos en Educación Social e Educación Infantil, co obxectivo de dar voz a colectivos silenciados ou estereotipados nos medios de comunicación de masas, e de reflexionar sobre algunhas das temáticas recollidas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, respectivamente. Nos vídeos producidos préstase especial atención á dimensión global, entendida como a interdependencia entre situacións e problemáticas locais e globais.

  • Mostra de contos e xogos creados por alumnado de 1º curso do Grao en Educación Infantil, como recursos didácticos que permiten sensibilizar e traballar coa infancia temáticas coma a sustentabilidade e o coidado do medioambiente, a diversidade, a igualdade de xénero, a riqueza e a pobreza, etc.

  • Contacontos a cargo de alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e Solidariedade Internacional de Galicia, sobre temáticas propias da Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.


 


Así mesmo, diferentes entidades, desenvolverán os seguintes obradoiros:



  • Barómetro de valores. Solidariedade Internacional de Galicia.

  • Consumo responsable. Oficina de Cooperación e Voluntariado.

  • Educación para a sustentabilidade. Recursos didácticos e laboratorio de ideas (aforo limitado a 25 prazas). Entreculturas.


A inscrición nas xornadas será o propio xoves 16 de 10 a 10:30 no andar -3.


Para poder obter un certificado de participación polas cinco horas de duración das xornadas, haberá que participar nun mínimo de seis, das nove actividades planificadas. No programa que se xunta pódese ver o horario e emprazamento de cada actividade, de forma que as persoas participantes podan deseñar o seu propio itinerario pola EPDCG.