Novas

27/09/2019
INICIATIVA DA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN ANTE A EMERXENCIA CLIMÁTICA

Nunca antes a humanidade se enfrontara a un desafío como a crise climática: derrétese o xeo ártico, o aumento da temperatura dos océanos destrúe os ecosistemas mariños, a deforestación na Amazonia alcanza puntos de non retorno, extínguese a biosfera que coñecemos a un ritmo acelerado…

Estamos vivindo unha emerxencia climática, porque levamos décadas e décadas sen actuar. Estásenos a acabar o tempo. Os científicos do clima advírtennos de que só temos 11 anos para lograr que as nosas accións sexan decisivas.

Temos só un planeta e entre todos os pobos do mundo, máis alá das diferenzas étnicas, culturais, políticas, relixiosas, debemos movilizarnos xuntos, nunha nova fraternidade planetaria para lograr que a temperatura non suba máis de 1,5ºC sobre os niveis preindustriais.

É hora de actuar e reflexionar sobre o que se pode facer para responder á emerxencia climática que vivimos e lograr o maior éxito desa iniciativa para afrontar esta situación extraordinaria apoiando a Semana do Clima e a “Declaración do estado de emerxencia climática e ecolóxica” á que está adherida a Universidade da Coruña (https://www.udc.es/novas/A-Universidade-da-Coruna-adhirese-a-Declaracion-do-estado-de-emerxencia-climatica-e-ecoloxica/).

Desta forma, para sumarnos ás iniciativas que se están a levar a cabo a nivel mundial, farase unha concentración durante 5 minutos o 27 de setembro ás 12h na planta 0 da Facultade.

Ademais, animamos á comunidade educativa a participar na XII Limpeza simultánea de ríos organizado pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña no marco dos “Fridays for Future”, que terá lugar este venres 27 de setembro (https://www.udc.es/es/novas/Limpeza-simultanea-de-rios/).