Novas

15/03/2020
Instrucións sobre o peche ao público da Facultade e medidas relacionadas

A toda a comunidade universitaria da Facultade de Ciencias da Educación

Atendendo ás instrucións que fixo públicas a reitoría hoxe día 15 de marzo, https://www.udc.es/export/sites/udc/prl/_galeria_down/coronavirus/RR15032020adaptacionpeche.pdf_2063069239.pdf, vos comunicamos o seguinte:

 

  • Desde o luns día 16 de marzo, e até novo aviso, o Centro permanecerá pechado. Todo o profesorado, persoal de administración e servizos e estudantes, deberán permanecer nos seus domicilios e seguir as instrucións dos gobernos central e autonómico.
  • A asistencia e entrada, por razón excepcionais, ao Centro ten que ser autorizada previamente polo decano, a quen se lle debe solicitar por email (edudec@udc.es).
  • O persoal encargado de manter o funcionamento do centro será exclusivamente o de limpeza e tódolos días estará presente un membro da equipa decanal en horario 10:00 a 14:00 horas: Todos os servizos atenderán aos seus usuarios exclusivamente por email ou ferramentas telemáticas (administración, UADI, biblioteca).
  • Os estudantes de todas as titulacións deben consultar diariamente o seu correo institucional e as súas materias en Moodle para seguir as instrucións do seu profesorado, o cal tratará de adaptar as materias a esta situación excepcional segundo as súas posibilidades.
  • Todas as titorías realizaranse por email ou medios telemáticos.
  • O profesorado das materias do segundo cuadrimestre, tanto de grao como de máster, deberá comunicar aos seus estudantes o modo no que adapta as súas materias a esta situación de forma que sexa posible para os estudantes finalizar as materias e o curso nas mellores condicións posibles. O profesorado que decida realizar algunha sesión on-line a través das ferramentas dispoñibles deberá indicar aos seus estudantes a través de Moodle o día e hora en que se realizarán. Para evitar solapamientos tales sesións terán que producirse nalgunha das horas asignadas ás súas materias no horario.
  • Reiteramos, que os estudantes que non puidesen finalizar completamente o seu practicum, realizarán a memoria até a última data de asistencia ao centro. Os/as que aínda non as comezaron, deben permanecer á espera de instrucións do vicedecanato de practicum, e estarán en función da evolución da pandemia.
  • Canto aos TFG e TFM que puidesen requirir da recollida de datos empíricos imposibles de obter ou completar debido a esta situación, autorízase aos seus directores/as e aos estudantes a presentar os seus TFG como traballos académicos de profundización nos temas elixidos. Os tribunais non poderán considerar estes cambios de forma negativa, e limitaranse a valorar a corrección e rigor dos traballos elaborados. Nos TFG ou TFM non afectados por esta situación seguirase o procedemento habitual.
  • Desde o decanato vixiarase para que ningún prazo oficial aprobado pola Xunta de Facultade afecte negativamente á finalización do curso. Polo momento non existe este problema, pero a prolongación no tempo desta situación pode obrigar a axustes que serán comunicados con antelación.

 

Grazas pola vosa colaboración.

 

 

Manuel Peralbo Uzquiano
Decano
Facultade de Ciencias da Educación