Igualdade de xénero

8M (2023)

A Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación ten un forte compromiso coa Igualdade de xénero e procura aplicar esta perspectiva no traballo diario, asemade, nas diferentes accións que realiza ou nas que participa.

  • Utilización de linguaxe inclusiva en todos os documentos que elabora, así como en todas as comunicacións que realiza o persoal da biblioteca con toda a comunidade universitaria e as relacións que establece co exterior.
  • Na formación da súa colección, onde cada ano procura complementar a selección realizada polo persoal docente con outros fondos que inclúan tanto temas feministas, que atendan a diversidade sexual e de xénero como aqueles, de calquera materia, creados por mulleres académicas, científicas ou autoras literarias. Neste senso conta cunha colección especial de LIX sobre diversidade afectivo sexual e LGBTIQ+ no abeiro do Proxecto Bibliodiversidade (2022) co que colaborou a Biblioteca.
  • No ano 2014 creou o Club de lectura Nébeda, organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, que cada curso académico convida a autoras e autores das nosas letras, con especial énfase en autoras e persoas do colectivo LGBTIQ+, coa intención de presentar outras achegas que axuden a presentar un sistema literario plural e diverso, habitualmente infra-representado.

  • A Biblioteca ten diferentes espazos expositivos desde os que promove a creación artística, académica e científica realizada por mulleres. Entre eles: acuarios de creatividade, a Sala Xoana Torres e o Espazo en tránsito. Estes espazos póñense a disposición da comunidade universitaria e tamén se teñen ofrecido a persoas e entidades externas para a realización de actividades que vaian na liña de favorecer a igualdade e visibilidade de colectivos non hexemónicos, como creación de debates, exposicións ou presentacións de libros, sempre en colaboración coa Biblioteca (Asociación Querendo ou Asociación Accem, entre outras).

 

  • Os cursos e seminarios de formación que imparte a Biblioteca para o alumnado e PDI sempre fan especial fincapé na utilización dunha metodoloxía feminista, na citación xusta e na necesidade de aplicar ópticas de xénero nos traballos de investigación.

Así mesmo, o persoal da Biblioteca recibe cada ano formacións en temas de igualdade e forma parte dalgúns dos organismos da universidade que traballan nesa liña como son o CeXef ou o Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias da Educación. Unha das persoas da Biblioteca coordina a Equip[a] de Igualdade da BUDC, formado por catro persoas (Inma Doval Porto -biblioteca Ciencias da Educación-, Cristina González Nóvoa – Biblioteca INEF-, María Vaquero Farto e Isabel Presedo -Servizo Biblioteca Centra-) que están a elaborar un Plan de intervención estrutural en materia de igualdade na Biblioteca Universitaria, coa realización de accións que axuden a de-construír a epistemoloxía dominante. Os seus obxectivos son:

  • Promoveren a igualdade de xénero nos servizos, fondos e actividades da Biblioteca
  • Estableceren canles para unha política de adquisicións inclusiva que forneza á Biblioteca dun fondo documental construído desde a igualdade e onde teñan cabida as diferentes ópticas e identidades
  • Favoreceren estratexias de colaboración cunha epistemoloxía feminista
  • Visibilizaren a produción científica e cultural realizada por mulleres e colectivos LGTBIQ+ da UDC
  • Apoiaren calquera iniciativa de investigación que se produza en base a un modelo de ciencia inclusiva.
  • Seren un punto de asesoramento para colegas da UDC

Entre algunhas das súas accións están:

  • Comunicación e difusión entre o persoal de Bibliotecas e a comunidade universitaria do marco normativo que garante tanto os dereitos das mulleres e colectivos LGTBIQ+ e a defensa fronte a calquera acoso que poidan sufrir como a utilización dunha perspectiva de xénero na educación e na investigación.
  • Programación de actividades de empoderamento epistemolóxico feminino, de visibilidade de investigadoras e da súa produción científica.
  • Creación da campaña 8M: por unha citación xusta. Onde se establecen pautas para a elaboración de citas e referencias bibliográficas que dean visibilidade ao traballo desenvolto por mulleres, en equidade con aquel que desenvolven os autores varóns. Elección e difusión de estilos bibliográficos que desenvolvan o nome de pía nas autorías como estilo Chicago ou ben, utilización de adaptación das normas APA realizada pola UOC.

  • Promoción de estratexias de visibilización de mulleres salientábeis na ciencia, na teoría e nas diferentes áreas do coñecemento e a expresión: UDCientíficas / Wikipedia / Galipedia.
  • Creación de espazos de reflexión e empoderamento epistemolóxico feminista (puntos violeta, focus groups, paneis con “posits” con preguntas, mesas informativas nas bibliotecas).
  • Elaboración de marcadores violetas no fondo da biblioteca que estea construído desde a igualdade, que utilice unha citación xusta, metodoloxía feminista, estea escritos por mulleres ou trate temas que inclúan unha perspectiva de xénero.

MARCO DE ACCIÓN das nosas accións:
INTERNACIONAL:
ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel) Obxectivo 5: Acadar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. 
PRINCIPIOS PARA O EMPODERAMENTO DAS MULLERES (ONU)
Consejo de Cooperación Bibliotecaria III Plan Estratégico 2019-2023 Igualdad en Bibliotecas
ESTUDOS TEÓRICOS SOBRE EPISTEMOLOXÍA FEMINISTA. Crítica a epistemoloxías dominantes (coñecemento dominante patriarcal e colonial). Deconstrución crítica da ciencia dominante + construción do coñecemento desde outras ópticas e que dea cabida a outras
identidades.
Obxectivo político: Empoderamento + Transversalidade do enfoque de xénero --> asumida polos Gobernos durante
a IV Conferencia Mundial sobre Mujeres de Naciones Unidas (Beijing, 1995); na Unión Europea: Tratado de
Ámsterdam de 1999
NIVEL ESTATAL:
BIBLIOTECAS EN IGUALDADE: Clásicas y modernas 
lei de Igualdade (La Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres)
Lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, no art. 4º 
NORMATIVA DA UDC
II Plan de Igualdade (Aprobado no Consello de Goberno do 3 de abril de 2019) 
Protocolo fronte ao acoso sexual 
Guias para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero (OIX) 
RECURSOS DE INTERESE PARA A UTILIZACIÓN DE LINGUAXE NON SEXISTA (recompilados pola OIX)