Blog

17/04/2020


Novos accesos electrónicos

A Biblioteca, no seu compromiso para facilitar o acceso á información a toda a comunidade universitaria neste tempo de crise, vén de subscribir unha serie de RECURSOS ELECTRÓNICOS, con recursos que conteñen revistas e libros electrónicos e que se suman aos xa existentes. Nesta liña está, igualmente, a súa adhesión ao acordo de intercambio científico UNE-REBIUN que nos permite o acceso á plataforma de libros electrónicos Unebook, da editorial UNE (Unión de Editoriales Universitarias Españolas). Tedes máis información no blog da Biblioteca Universitaria.


Lembramos que para acceder a todos estes recursos é preciso que o fagades desde o acceso remoto, utilizando as vosas contrasinais da udc.


De interese para as áreas de investigación da nosa Facultade son:


Bases de datos: Mantense o acceso ás bases de datos que tiñamos subscritas, entre as que están WOS, Scopus, Eric, Psyinfo, Medline, Sport Discus e Proquest Dissertation. 


Libros electrónicos: Ás subscripcións que xa tiñamos engádense, a xa mencionada de UNEBooks,  ELibro (con moitos manuais académicos), Springer Books e Wiley Online Library. Podedes acceder a través do portal Pórtico ou ben desde a listaxe que ofrece a Biblioteca Universitaria


Revistas electrónicas: A BUDC ten contratados varios paquetes de revistas que permiten o acceso a máis de dúas mil revistas eléctrónicas das áreas de ciencias da educación e psicoloxía. Entre elas coleccións de Taylor & Francis, Wolkers Kluwer, Sage ou Jstor. O acceso é tamén a través de Pórtico ou desde a listaxe que ofrece a BUDC


Moitos dos SERVIZOS OFERTADOS POLA BIBLIOTECA tamén continúan, entre eles o de formación de usuarixs e asesoramento á investigación. Se precisades unha formación en liña, unha procura bibliográfica, axuda no formato APA, non dubidedes en contactar con nós. Podédelo facer por correo electrónico (educacion.bib@udc.es), teléfono 881014643 ou ben a través da plataforma Teams. Tamén podesdes utilizar os contactos de cada unha de nós que tedes dispoñíbeis na nosa web.