Ao longo dos meses de outubro e novembro podedes visitar a mostra "Ponlas e raíces" de Uxía Larrosa Villanueva, na sala Xoana Torres dna nosa Biblioteca. Está composta por acuarelas e láminas con debuxos de corpos habitados polo ser vexetal a modo de ser expandido e poshumano. Un corpo sen órganos, desxerarquizado onde a linguas e folla e as mans están atravesadas polas polas que inzan con toda a forza da contorna salvaxe. Uxía Larrosa é graduada en Belas artes pola Universidade de Barcelona e posteriormente realizou o master de Cine e Audiovisual Contemporáneo na Pompeu Fabra. Actualmente traballa como deseñadora gráfica, debuxante e guionista de cómics. Ë artista plástica e desenvolve a súa actividade creativa no eido do debuxo, fanzine, banda deseñada e animación. No ano 2022 acadou, xunto con Luis Yang, o premio Castelao co comic "O Bico da Serea" do que a editorial La Cúpula vén de editar recentemente a versión en español "El Beso de la Sirena". En palabras da autora: "Trátase dun relato entre fantástico e costumista no que unha rapaza preadolescente coñece a unha serea que lle vai contando contos para axudala a durmir. Os contos teñen o mar como trasfondo e aínda que poden parecer un pouco inxenuos tratan de reflexionar sobre aspectos da actualidade que me preocupan ou me parecen relevantes". Texto da autora: Ponlas e raíces

Levo moitos meses debuxando corpos dos que brotan ponlas e raíces. Invadiron o meu maxín en forma de rostros superpostos de interior escuro; despois viñeron as mans que sostiñan plantas nas palmas, que eran atravesadas por elas; co tempo estas imaxes fóronse prolongando ata converterse en personaxes completas. Adoito explicar que proceden do mito de Dafne, que pide ser transformada en árbore para evitar que Apolo a viole. Hoxe gustaríame contalo de outra forma, en parte porque me aburre dicir sempre o mesmo, en parte porque sinto que na miña reapropiación non pesa tanto o medo a unha agresión concreta como o intento de representar unha ansiedade de orixe difuso que afecta ao corpo.
Cando penso no meu corpo por dentro, non vexo órganos nin carne. Imaxino máis ben unha balsa de auga, máis turbia ou máis clara en función do meu estado de ánimo. Desa balsa brotan limoeiros de folla escasa que non dan froitos. Resulta máis estético, supoño, pintar planos escuros e limpos sobre as seccións que firen, que dividen membros, rostros e torsos, nada de masas sanguinolentas, nada de gore. Estas zonas negras facilitan que gañe protagonismo o aspecto puramente compositivo do debuxo, a relación entre a liña, a masa de tinta e o espazo en branco do folio.
Nas composicións máis recentes tomo elementos que repito ata encher por completo a páxina. Interésame a sensación de abigarramento que se crea a partir das variacións superpostas dun mesmo tema. Creo que esta clase de práctica artística reflexa ben como funciona a psique humana, que debuxar deste xeito se parece moito a pensar.
Uxía Larrosa
@uximuxi_