Novas

24/09/2020
EXPOSICIÓN PÚBLICA: Cartografía Emocional: historias de vida, territorio e vulnerabilidade.

O xoves 24 de setembro, na aula multiusos da Facultade de Ciencias da Educación (andar -3), en horario de 16:00 a 19:00, presentaranse os resultados da Cartografía emocional: historias de vida, territorio e vulnerabilidade.  

Trátase dunha experiencia de aprendizaxe-servizo desenvolvida polo alumnado da materia Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables (terceiro curso do Grao en Educación Social) en colaboración con Arquitectura sen Fronteiras, no marco do Proxecto de difusión do dereito ao hábitat.  

Na mesma, as e os estudantes entrevistaron a 76 persoas en situación de vulnerabilidade (senfogarismo, prostitución, privación de liberdade, minorías étnicas, inmigración...), rexistrando as súas vivencias de pasado, presente e expectativas de futuro, vinculadas ao territorio da cidade da Coruña. A partir das entrevistas, construíron 234 relatos de vida nos que se narra a forma en que recordan, senten, problematizan e proxectan o espazo que habitan. 

O resultado é un gran mapa subxectivo dos afectos, sensacións e emocións, co que se pretende contribuír a mudar o estigma que acompaña a persoas e colectivos en exclusión social, visibilizando o que nos une, os lugares comúns (espaciais e emocionais).  

A exposición materialízase nunha Sala Cartográfica que pretende ser un espazo de encontro no que presentar e interactuar os relatos e tamén recoller novas voces, historias e realidades, axudando a conectar emocionalmente desde a proximidade das nosas narrativas. A intención é que sexa un mapa vivo, en construción permanente.  

De cara a cumprir o protocolo sanitario establecido ante a situación excepcional provocada pola Covid-19, temos que atender as seguintes normas: 

  • A entrada á Facultade efectuarase pola planta 0, para logo baixar á aula multiusos situada no andar menos tres, seguindo as indicacións das frechas. 
  • Hai que levar mascarilla de forma obrigatoria e lavarse as mans con hidroxel na entrada á Facultade. 
  • Dado que na sala cartográfica se interactuará con obxectos haberá hidroxel dispoñible para botar antes e despois.  
  • Tamén hai limitación de aforo para garantir a distancia de seguridade (25 persoas en total).  

 

Para organizar a visita e participación na exposición, establecemos tres franxas horarias: 

  • de 16 a 17 horas 
  • de 17 a 18 horas 
  • de 18 a 19 horas 

Se tes interese en participar, só tes que enviar un email a laura.cruz@udc.es indicando a franxa horaria. Responderemos confirmando a dispoñibilidade.  

Agardamos poder compartir este espazo con vós, en calquera caso, de non ser posible, poden acceder á cartografía final na seguinte ligazón. Nela recóllense todos os relatos construídos baixo pseudónimos para garantir a confidencialidade. 

 

 

Profa. Dra. Laura Cruz López

Facultade de Ciencias da Educación

Universidade da Coruña

Campus de Elviña s/n, 15071, A Coruña

Tel. 981167000 ext. 4694