Novas

12/05/2023
12 de maio – Día Escolar das Matemáticas

DEM 2023

12 de maio, Día Escolar das Matemáticas, día para lembrar, recordar, facer, contemplar,... o que?

Nestes tempos temos días para celebrar calquera cousa, e as matemáticas non ían ser menos, nin menos nin máis, pero fixádevos que engádese a palabra “escolar”, que quererá dicir iso?

A escola! Tomémola no máis amplo sentido, na escola estamos todos, mestres, estudantes, nais, pais, xente doutros traballos,... A vida é unha escola aberta, tódolos días temos cousas para aprender, mirar e falar cos que temos arredor e reflexionar sobre todo o que recibimos do noso entorno.

O 12 de maio de 1900 naceu Pedro Puig Adam, matemático e enxeñeiro. Aínda que foi tamén profesor na Escola de Enxeñeiros de Madrid, polo que é máis recordado é polo seu paso polo Instituto San Isidro, tamén en Madrid, nuns tempos onde a didáctica da matemática non era algo do que se escoitara falar. Sen embargo o empeño seu en poñerse no lugar dos seus estudantes, en pensar como pensaban eles e preocuparse pola súa maneira de razoar, o fai un dos máis importantes precursores, non soamente a nivel nacional, se non europeo, da renovación no ensino das matemáticas que votaría a andar a nivel internacional polos anos 70 do século pasado.  

Nas súas clases empeñouse en facer unhas matemáticas ‘manipulables’, creando e inventando materiais que aínda hoxe son ‘novos’ para moitos docentes e estudantes, quizais pola pereza que as veces temos de ‘obrigar’ aos nosos estudantes a ‘tocar’ as matemáticas.

O establecemento deste día, instituído pola Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) no ano 2000, ten que servirnos para recoñecer (non soamente nesta data, senón todos os días do ano), que as matemáticas se poden tocar e discutir, son unha creación humana pero tamén están na Natureza, rodéannos por todas partes, e sobre todas as cousas, se non somos capaces de enfrontarnos a elas con poder, con poder para discutilas e razoalas!, verémonos abocados a ser gobernados e dirixidos en contra do noso sentir. Isto é o máis importante da educación matemática, outorgarnos o poder para entender e comprender o mundo.

Cada ano este día dedícase a algunha cousa recente ou actual, e este ano o lema é “As matemáticas dos volcáns”. Como xa podedes supoñer o motivo foi a erupción do Volcán de Tajogaite, na Illa de La Palma, e recórdanos de que maneira as matemáticas rodéannos, e pódennos axudar a entender e interpretar o que acontece ao noso ao redor. Quen queira máis información sobre estas cousas, descargar material didáctico ou conectarse a unha conferencia que terá lugar ese día, pode consultar a páxina https://fespm.es/index.php/2023/04/19/las-matematicas-de-los-volcanes/

Enrique de la Torre Fernández  (Departamento de Pedagoxía e Didáctica)