O vindeiro 14 de maio, a Facultade de Ciencias da Educación acollerá a VI edición dos Parladoiros con profesionais: relación educativa e acompañamento, unha iniciativa impulsada no marco da materia de Pedagoxía Social do Grao en Educación Social. Estes parladoiros nacen coa vontade de achegar a realidade da profesión socioeducativa a través do diálogo directo con profesionais en exercicio. A Educación Social concrétase en ámbitos de intervención moi diversos e, moitas veces, o alumnado ten poucas oportunidades de coñecer de preto como se constrúe na práctica unha dimensión central da profesión: a relación educativa e os procesos de acompañamento. Ao longo das súas distintas edicións, esta iniciativa consolidouse como un espazo de aprendizaxe situada, no que o intercambio de experiencias permite comprender mellor os retos, posibilidades e singularidades dos diferentes contextos de acción socioeducativa. Ademais, son as propias estudantes de 1º do Grao en Educación Social quen participan como Comité Organizador no deseño, organización e dinamización da xornada. Nesta edición poderemos entrevistar a: Laura Suárez, educadora social na Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES) A xornada incluirá tamén a presentación do podcast Pedagoxías do incómodo. Voces de cristal e resistencia, unha iniciativa elaborada polo alumnado do Grao en Educación Social no marco das materias de Pedagoxía Social e Acción Socioeducativa con Minorías e Colectivos Vulnerables, en colaboración co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. O acto contará, ademais, co peche institucional a cargo do CEESG. Unha oportunidade para escoitar experiencias reais, dialogar coa práctica profesional e seguir construíndo pontes entre a universidade e a acción socioeducativa.
14/05/2026
Parladoiros con profesionais: relación educativa e acompañamento
