Planificación das ensinanzas

Que se aprende

O Mestrado Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria permitiralle ao alumnado aprender a dispoñer dos coñecementos (saber), destrezas (saber facer) e actitudes (saber ser e estar) necesarios para exercer a súa actividade, posuirán e comprenderán coñecementos que acheguen unha base ou oportunidade de ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a menudo nun contexto de investigación.

A pesar de que as competencias que o alumnado debe adquirir, en esencia, débense considerar de maneira integrada, a Universidade da Coruña optou por un modelo de clasificación que se especifica a continuación, para poder facer unha análise dos seus compoñentes.

Competencias básicas e xerais

As competencias básicas e xerais refírense a competencias transferibles a multitude de situacións e tarefas e son definidas pola propia titulación.

Integran as competencias propias do saber ser e estar que non son exclusivas dun único ámbito disciplinar, senón que son comúns a todos eles.

Competencias específicas

As competencias específicas integran as competencias propias do saber e do saber facer, que conforman o campo disciplinar propio da titulación. Son competencias relacionadas directamente coa ocupación/profesión. Deste xeito están directamente vinculadas aos diferentes módulos do título.

competencias transversais

As competencias transversais son aquelas competencias definidas pola propia universidade que debería posuír calquera persoa universitaria que obtivese unha titulación na Universidade da Coruña.

Enténdense como competencias esenciais comúns ligadas á institución. Pódense abordar de forma integrada no currículo das materias e de forma específica a través de accións formativas desenvolvidas dende servizos da UDC como o Centro de Linguas, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), a Aula de Formación Informática etc.

Planificación do ensino

O Mestrado se estrutura nun ano académico, cunha carga de 60 créditos ECTS: 39 créditos de materias obrigatorias (nos que se inclúen 6 créditos de prácticas externas, 9 de traballo fin de mestrado) e 42 créditos de materias optativas dos que o alumnado só debe cursar 21. 

Configúrase baixo unha estrutura cun forte compoñente de formación interdisciplinar no bloque de materias obrigatorias: A contorna como recurso educativo; Análise de experiencias interdisciplinares; Deseño de proxectos interdisciplinares. 

Na estrutura do Mestrado inclúese outras materias obrigatorias relacionadas con: a Aprendizaxe Integrada de Contidos en Lingua Estranxeira (AICLE), a aplicación das TICs e a iniciación á metodoloxía de investigación educativa.

Unha das funcións crave do mestrado é o desenvolvemento de coñecementos a través da investigación e a innovación sobre a acción educativa nas didácticas específicas, tomando especial relevancia o Traballo Fin de Mestrado vinculado directamente ás Prácticas Externas.

Saídas profesionais e académicas

O mestrado non habilitará para ningunha profesión distinta á da titulación de ingreso dos/das estudantes.

As principais saídas académicas serán as de persoas tituladas que prosigan os seus estudos no ámbito do coñecemento socio-educativo e/ou cunha especialización nalgunha das temáticas do mestrado. Tamén permitirá que persoas tituladas noutras disciplinas que estiveran desempeñando a súa actividade profesional en contextos socio-educativos, obteñan unha formación específica nalgunha das áreas de coñecemento implicadas neste mestrado.

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.