Requisitos

Acceso e admisión

Para acceder ao ensino oficial de mestrado será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso ao ensino de mestrado.

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, despois de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso ao ensino de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar o ensino de mestrado.

Os estudantes poderán ser admitidos a un mestrado conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do título de mestrado universitario. A UDC incluirá os procedementos e requisitos de admisión no plan de estudos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o ensino de mestrado.

Perfil recomendado

Profesorado de educación infantil e primaria que desexen proseguir os seus estudos no ámbito do coñecemento socio-educativo e queiran especializarse nalgunha das temáticas do mestrado (as didácticas específicas). Este mestrado tamén podería interesar a persoas tituladas noutras disciplinas que estivesen a desempeñar a súa actividade profesional en contextos socio-educativos e que desexasen obter unha formación específica nalgunha das áreas de coñecemento implicadas neste mestrado.