Perfil de ingreso recomendado


Aínda que non é indispensable posuír unha formación pedagóxica específica para cursar o mestrado, si existen algunhas características que se consideran idóneas para cursar estes estudos, entre as que destacan as seguintes:
• Capacidades: curiosidade científica, gusto polo estudo e a lectura, capacidade para a aprendizaxe autónoma e colaborativa, habilidades para a comunicación interpersoal, capacidade de análise e razoamento crítico, conciencia sobre aspectos sociais e educativos como a sustentabilidade e a igualdade, compromiso ético e democrático cara aos diferentes ámbitos profesionais en consonancia coa sociedade do século XXI (por definición, cada vez máis diversa e multicultural).
• Coñecementos previos: Dado que a orientación do mestrado é académica e profesionalizante, non habilitará para ningunha profesión distinta á da titulación de ingreso dos/as estudantes, polo que poderán acceder titulados/ as que desexen proseguir os seus estudos no ámbito do coñecemento socio-educativo e/ou queiran especializarse nalgunha das temáticas do mestrado.
• Linguas a utilizar no proceso formativo e nivel esixido: un dos obxectivos marcados polo Plan de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, aprobado en Consello de Goberno, con data de 15 de novembro de 2006, é propiciar que o galego sexa a lingua habitual de comunicación, de expresión e de traballo da comunidade universitaria. Neste sentido, o artigo 2.4 do Regulamento de usos da lingua galega, aprobado por Consello de Goberno do 22 de xullo de 2004, establece que “Os centros e departamentos da Universidade da Coruña, da mesma maneira que as dependencias administrativas e de servizos, terán como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en galego”. Debido a iso, solicítase do alumnado que posúa un bo dominio de calquera das dúas linguas oficiais da comunidade autónoma galega.