Planificación das ensinanzas

Que se aprende
Este mestrado pretende proporcionar os coñecementos necesarios para desenvolver, cunha formación especializada e de máximo rigor académico, as competencias necesarias para que as persoas que obteñan o título poidan dirixir, xestionar e dinamizar centros escolares.
Este Mestrado permite formar a profesionais da educación nas competencias necesarias para especializarse no desempeño de tarefas de liderado, directivas e, moi especialmente, en aspectos que teñen que ver coa innovación na xestión e a organización.
A implantación deste mestrado incrementará a investigación de calidade e permitirá o acceso directo aos programas oficiais de doutoramento ofertados pola Facultade de Ciencias da Educación da UDC, polo que é a vía natural para a continuación de doutorandos/as coa elaboración, difusión e revisión de liñas de investigación e traballo nos ámbitos nos que a nosa facultade xa ten un alto recoñecemento.
Quen se titule neste mestrado deberá ter un enfoque da súa profesión cuns altos niveis de actitude crítica, solidaria e participativa coa sociedade na que desenvolverá o seu traballo. Isto constitúe un obxectivo estratéxico da UDC, compartido por todas as súas titulacións, que se reflicte nas competencias xerais desta titulación, en que é de resaltar o peso nos contidos das normas de ética e independencia da profesión.
De igual forma, un dos obxectivos do mestrado é incrementar a capacidade do estudantado no manexo das tecnoloxías da información e a comunicación aplicadas ao campo educativo, así como á práctica profesional e investigadora de futuros/as profesionais, no marco da sociedade do coñecemento.

Saídas profesionais e académicas
O Mestrado Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares é de carácter profesional e investigador, pois está dirixido a formar profesionais para o sistema educativo que poidan cumprir os requisitos que establece o art. 134.1. c) da LOMCE, e o RD 894/2014 así como a complementar a formación dos/das que están desempeñando na actualidade ou desempeñaron no pasado tarefas directivas, ao tempo que se daría continuidade á súa formación académica e investigadora, pois realizar este Mestrado serviría de base formativa para o seu futuro doutoramento nestas temáticas no novo marco establecido polo espazo europeo de educación superior e regulado polo Real decreto 1393/2007, de 29 de outubro.

Accións para a mobilidade do estudantado
A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.
Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes
As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.
As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.