A formación inicial do profesorado de educación secundaria (obrigatoria e postobrigatoria) e outras ensinanzas non universitarias é un dos factores chave para a calidade da educación nestas etapas educativas. A proposta que no seu día realizou a Conferencia de Decanos e Directores de Educación e Maxisterio propoñía a reforma da formación inicial do profesorado e a súa adecuación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES): “A formación do profesorado de Educación Secundaria vén arrastrando deficiencias estruturais e organizativas desde os primeiros pasos dados, a principios da década de 1970, coa implantación do Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP), estruturado á marxe da ensinanza universitaria regrada. O rendemento académico e a formación dos/das estudantes están necesariamente vinculados á formación inicial do profesorado e á adquirida ao longo da súa carreira profesional. A tendencia da Comisión Europea para potenciar as políticas educativas no ámbito do Espazo Europeo de Educación Superior, no que respecta á formación do profesorado, fai fincapé en que se consiga unha profesión de carácter universitario, atractiva, suxeita á mobilidade entre países europeos, situada no contexto da aprendizaxe ao longo da vida, que estimule a colaboración entre o profesorado e o contorno social, e que permita compatibilizar as tarefas docentes coas investigadoras, de forma que a innovación nas aulas sexa unha consecuencia do propio traballo do profesorado. O título proposto, enmarcado no disposto na Lei orgánica de educación sobre o perfil do profesorado, acorde coas esixencias sociais do século XXI, recolle as recomendacións da Comisión Europea, así como as experiencias nacionais e internacionais máis relevantes con respecto á formación, inicial e permanente, do profesorado de educación secundaria” (Proposta de Título Universitario Oficial de Mestrado segundo o RD 56/2005, do 21 de xaneiro). Despois de moitos anos reclamando que a formación inicial do profesorado de secundaria tivese unha consideración académica adecuada, a normativa actual incluíuna na formación universitaria de máis alto nivel, a de posgrao (Lei 2/2006, do 3 de maio, orgánica de educación (LOE) —BOE n.º 106 do 4 de maio, artigos 94 e 100—, e Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro —BOE n.º 260 do 30 de outubro—, polo que se establece a ordenación da ensinanza universitaria oficial). Do mesmo modo, a LOE establece que para exercer a docencia nas diferentes ensinanzas reguladas por esta lei será necesario estar en posesión das titulacións académicas correspondentes e que a formación inicial do profesorado se adaptará ao sistema de graos e posgraos do EEES. O mestrado que habilita para o exercicio da docencia como profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de Idiomas (Resolución, do 17 de decembro de 2007, BOE n.º 305, do 21 de decembro, da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 14 de decembro de 2007, polo que se establecen as condicións ás que deberán adecuarse os plans de estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio das profesións reguladas de profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas) é requisito específico para o ingreso nos corpos de profesorado de ensino secundario, profesorado técnico de formación profesional, profesorado de música e artes escénicas, profesorado de artes plásticas e deseño, mestres/as de taller de artes plásticas e deseño e profesorado de escolas oficiais de idiomas (RD 276/2007, do 23 de febreiro, BOE 53, do 2 de marzo de 2007, que nos eu artigo 13.2 b establece que haberá que estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica á que se refire o artigo 100.2 da Lei 2/2006, do 3 de maio, orgánica de educación). Por último, a Resolución, do 16 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Universidades sobre diversos aspectos relativos ao ensino universitario de mestrado e doutoramento na nova ordenación universitaria, no seu apartado f) establece a extinción das ensinanzas conducentes ao certificado de aptitude pedagóxica. Nesta resolución exponse que “este próximo curso 2008-2009 é o último en que as universidades poderán seguir organizando as ensinanzas conducentes á obtención do certificado de aptitude pedagóxica. A partir do curso 2009-2010 poderán organizar ensinanzas conducentes á obtención do título de mestrado ao que se refire a Lei 2/2006, do 3 de maio, orgánica de educación, conforme co establecido no Consello de Ministros”. Este mestrado ten unha orientación pedagóxica e didáctica (“Para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato será preciso ter o título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, ou o título de grao equivalente, ademais da formación pedagóxica e didáctica de nivel de posgrao”, artigo 94 da Lei 2/2006, do 3 de maio, orgánica de educación) e claramente profesionalizadora (“Os plans de estudos… garantirán a adquisición das competencias necesarias para exercer a profesión de acordo co regulado na normativa aplicable”, punto 5º do anexo da Resolución, do 17 de decembro de 2007) É, pois, responsabilidade da Universidade da Coruña organizar estes estudos co fin de atender os anteriores requirimentos legais e a conseguintes necesidades formativas dos graduados e graduadas da nosa universidade e do resto da comunidade autónoma de Galicia. A presente proposta é froito do traballo coordinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a nosa universidade e as de Santiago de Compostela e Vigo. Os plans de estudo propostos por cada unha das universidades galegas coinciden no fundamental, por máis que existan diferenzas en determinados aspectos. En relación coa elaboración do mestrado, tomamos como referencias fundamentais as achegadas por distintas universidades europeas. Entre elas cabe destacar a do Institute of Education da Universidade de Londres, e de maneira máis específica as propostas realizadas polo departamento de Continuing and Professional Education e Learning, Curriculum and Communication. Tamén tomamos como referencia no Reino Unido as universidades de Exeter (Mestrados of Education- MEd) e King`s Collage de Londres (Postgraduate Certificate in Education –PGCE-) que ofrecen programas con estruturas similares á desenvolvida na proposta de mestrado. Igualmente contamos coa referencia da Universite of East London, England, con moitas referencias a especialidades de profesorado en secundaria: ciencias, matemáticas, inglés etc. Secondare English (Professional Graduate Certificate in Education (PGCE) (programme specification) En Francia estase a abordar unha reforma similar do Courses d’Adaptation Pedagogique e hai que resaltar que posúen experiencias de cursos de posgrao similares ás de España; é o caso do mestrado que se implementa na Universidade Louis Lumière de Lyon. Finalmente, en Holanda as universidades de Utrecht e a de Gröninguen tamén ofrecen programas de posgrao para a formación do profesorado de educación secundaria similares aos que abordamos na nosa proposta de mestrado. En todo caso, estes referentes están condicionados polos requisitos para a verificación elaborados polo Ministerio para o Mestrado (Orde ECI/3858/2007), que fixan os módulos, os obxectivos e as competencias.