A Facultade dispón na actualidade dos medios necesarios (aínda que sempre mellorables) para atender uns 2 000 estudantes, distribuídos nas seguintes titulacións: Unha vez completada a reforma en curso, as titulacións previsibles son as seguintes: A dispoñibilidade e necesidades de medios e recursos teñen que estimarse de forma global, pois non resulta factible desagregar os recursos por titulacións. No momento actual a Facultade de Ciencias da Educación ten asignadas para as clases das seis titulacións de primeiro ciclo dezaoito aulas, dúas para Psicopedagoxía e unha para o Mestrado Oficial de Intervención Logopédica. A súa capacidade oscila entre un mínimo de 50 e un máximo de 94 alumnos/as. A asignación das aulas realízase en función do seu tamaño e do número de alumnos/as por titulación e curso. Todas elas contan con ordenador e proxector de vídeo. Dispoñemos, a maiores, dunha aula magna con capacidade para 220 alumnos/as, outra para 120, unha máis para 94 e tres para ao redor de 45, dotadas tamén de ordenador e proxector de vídeo. O total de aulas existentes é 27, que permiten acomodar 2 228 estudantes. Para as clases dos novos graos necesitamos catro aulas para Educación Social, catro para Logopedia, oito para Educación Infantil (dous grupos) e oito para Educación Primaria (dous grupos). Para os estudos de posgrao, unha aula para cada un dos seguintes mestrados: Intervención Logopédica, Psicoloxía Aplicada e Innovación, Orientación e Avaliación Educativa. Para a licenciatura de segundo ciclo de Psicopedagoxía (mentres non se extinga) dúas aulas, e para o Mestrado de Secundaria unhas cinco aulas. Total de aulas necesarias: aproximadamente: 32. Total de estudantes unha vez concluído o proceso de reforma: aproximadamente 1 820, sen contar o alumnado repetidor. Aínda que en principio existe una notable correspondencia entre as existencias e as necesidades, probablemente non se poidan impartir todas as titulacións nas mesmas franxas horarias, dada a capacidade das aulas e as necesidades específicas de espazo do sistema ECTS. Nalgunhas delas, e sobre todo nas que teñan máis dun grupo, como é o caso do mestrado que nos ocupa, posiblemente haberá que impartir uns grupos preferente ou exclusivamente pola mañá e outros preferente ou exclusivamente pola tarde. A nova estrutura dos plans de estudo, que reduce notablemente o número de materias, pensamos que facilitará esta distribución horaria. Existen tamén dous seminarios docentes, que están a disposición do profesorado para as súas reunións de traballo cos estudantes, tras a súa reserva, así como catro salas de reunións dos departamentos adscritos. Estes espazos deberán aumentarse para atender os requirimentos da metodoloxía docente propia do novo sistema de créditos. No Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas contarase tamén, para impartir os módulos específicos, coas dependencias e recursos das facultades, escolas e outros centros da UDC vinculados a cada unha das especialidades. Un salón de actos con capacidade para 350 persoas, destinado a reunións da xunta de facultade, conferencias e outras actividades culturais. Un salón de graos en que se poden acomodar 100 persoas, destinado á lectura de teses, realización de oposicións e outras actividades. Cada un dos cinco departamentos adscritos á Facultade (Pedagoxía e Didáctica, Didácticas Específicas, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Filosofía e Métodos de Investigación en Educación e Psicoloxía) teñen asignado un espazo que xestionan de forma autónoma, mentres que o profesorado doutros departamentos ocupa os despachos colectivos que no seu día decidiu a xunta de facultade. Nos próximos años producirase un considerable crecemento do profesorado (aproximadamente do 25%), polo que será necesario redistribuír estes espazos. Existen trece laboratorios e aulas específicas. A maior parte dos laboratorios son de Psicoloxía (Clínica, Social, Familiar, da Aprendizaxe, do Desenvolvemento), pero tamén doutras materias (Ciencias Experimentais). As aulas específicas son as de Expresión Plástica, Expresión Musical, Tecnoloxía Educativa e tres aulas clínicas de Logopedia. Dúas aulas net, unha con 15 e outra con 22 postos informáticos, que acaban de ser renovados e actualizados, e ás que pode acceder libremente o alumnado en horario continuado das 9.00 ás 20.30 h. Estas aulas están supervisadas por unha persoa contratada cada ano a través dunha subvención da Xunta de Galicia denominada “contratos labora”, e por dous estudantes do centro, que dispoñen dunha bolsa da Reitoría, para realizar este labor. Unha aula multimedia dotada con 24 equipos informáticos, un encerado interactivo e un proxector de vídeo. Nela impártense aquelas materias directamente relacionadas co uso de novas tecnoloxías. O pavillón deportivo situado ao lado da facultade utilízase para as clases de educación física, que teñen prioridade sobre outras actividades que se realizan neste espazo. A biblioteca ten 198 postos de lectura distribuídos en dous andares e sete postos de consulta electrónica. Conta cun importante fondo bibliográfico que supera os 70 000 volumes. Este ano púxose en marcha un sistema de petición de libros por parte do profesorado a través da intranet da Facultade, o que facilitou e axilizou a súa compra e catalogación. Os/as estudantes tamén poden facer peticións de libros. Disponse, ademais, dun notable fondo de publicacións periódicas, tanto de carácter nacional como internacional. Os catálogos da biblioteca están automatizados, de modo que se pode acceder a eles a través das terminais da propia biblioteca e da páxina web (www.udc.es/biblioteca), en galego e castelán. Fóra da biblioteca, e aproveitando os espazos libres do edificio, instaláronse mesas con iluminación e conexión eléctrica, coas súas correspondentes cadeiras, para o traballo autónomo dos/das estudantes. Os postos dispoñibles ascenden a 108. Existe un local para os representantes dos/das estudantes en xunta de facultade, con ordenadores e material de oficina. A páxina web da Facultade de Ciencias de la Educación (www.educacion.udc.es) é un instrumento pensado para dar servizo tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral. Dispón dun espazo de acceso público en que se poden consultar aspectos relacionados directamente coa actividade académica (horarios de clase, calendario de exames, horario de titorías, validacións, fondos e recursos bibliográficos etc.), e cultural da Facultade (conferencias, xornadas, cursos de especialización etc.). Tamén é un dos medios utilizados para dar a maior difusión posible á información relevante relacionada con bolsas, ofertas laborais, premios etc. Dispón dun espazo privado (intranet) deseñado para a xestión económico-administrativa (control do gasto de material funxible, xestión das adquisicións bibliográficas, xestión de espazos e aulas da Facultade) e académica da Facultade (xerador de calendario de exames e de horarios). Polo demais, existe conexión sen fíos a internet en todas as dependencias do edificio. Un espazo con seis despachos e unha sala de xuntas para o equipo decanal e a secretaria do decanato. Un negociado administrativo para a xestión dos asuntos académicos e económicos. Dous despachos para as secretarias administrativas dos cinco departamentos adscritos. Un espazo para conserxaría. Aos recursos anteriores é necesario engadir os propios das institucións colaboradoras para o desenvolvemento do prácticum. Está previsto asinar un convenio coa Consellaría de Educación para estes efectos. Os medios e servizos enumerados cumpren os criterios de accesibilidade universal e deseño para todos, garantindo así a non-discriminación das persoas con mobilidade reducida ou diversos tipos e graos de discapacidade, segundo establece a Lei 51/2003, do 2 de decembro (BOE 3/12/2003), de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade. Para acadar os mellores resultados no ensino/aprendizaxe é necesario xestionar adecuadamente os recursos materiais e servizos de que dispón o centro, polo que se dotou de mecanismos para o seu mantemento e mellora. Dependendo da natureza dos recursos, as incidencias producidas remítense ao Servizo de Informática e Comunicacións (recursos informáticos), ao Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos da UDC (infraestruturas do edificio) ou, no seu caso, a recursos externos. Ante calquera problema de mantemento, enviarase o correspondente parte de incidencias desde a conserxaría do centro (ou a secretaría, segundo a natureza) á unidade correspondente para seren corrixidas. A Facultade dispón de dous tipos de servizos: Os servizos externos son contratados de acordo cunha normativa específica que aplica o Servizo de Patrimonio, Inventario e Xestión Económica de acordo coa Lei de contratos do Estado (www.udc.es/xerencia/ga/patrinventario). A garantía de calidade dos servizos internos é responsabilidade directa do centro por medio da Comisión de Infraestruturas, atendendo á normativa específica e á dupla dependencia xerencia-centro que afecta ao seu persoal.
Aulas e seminarios
Salón de actos e de graos
Despachos para o profesorado
Laboratorios e aulas específicas
Aulas net e multimedia
Pavillón de deportes
Biblioteca e outros espazos para o alumnado
Páxina web e wifi
Dependencias de dirección, administración e servizos
Prácticum