Os/as graduados/a en Educación Primaria aprenderán a dispoñer dos coñecementos (saber), destrezas (saber facer) e actitudes (saber ser e estar) necesarios para exercer a súa actividade profesional, aprenderán a resolver problemas de maneira autónoma, activa e crítica, á vez que terán a capacidade para colaborar cos centros educativos e co seu contorno.
A pesar de que as competencias que o alumnado debe adquirir, en esencia, débense considerar de maneira integrada, a Universidade da Coruña optou por un modelo de clasificación que se especifica a continuación, para poder facer unha análise dos seus compoñentes.
As competencias xenéricas refírense a competencias transferibles a multitude de situacións e tarefas e son definidas pola propia titulación.
Integran as competencias propias do saber ser e estar que non son exclusivas dun único ámbito disciplinar, senón que son comúns a todos eles.
Por exemplo, toda persoa titulada ten que ter capacidade para traballar en equipo, adaptarse a novas situacións, traballar de forma autónoma, comportarse con ética e responsabilidade social como cidadán e como profesional...
As competencias específicas integran as competencias propias do saber e do saber facer, que conforman o campo disciplinar propio da titulación. Son competencias relacionadas directamente coa ocupación/profesión. Deste xeito están directamente vinculadas aos diferentes módulos (de formación básica, didáctico e disciplinar e prácticum) do título.
Por exemplo, coñecer e aplicar experiencias innovadoras en educación primaria, coñecer e saber exercer as funcións de titor e orientador en relación coa educación familiar no periodo 6-12, e abordar situacións escolares en contextos multiculturais, ou Desenvolver e avaliar contidos do currículo mediante recursos didácticos apropiados e promover a adquisición de competencias básicas nos estudantes.
A disposición adicional 12, punto 1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria décimo sétima da citada lei, establecen que o sistema de ingreso na función pública docente será o de concurso-oposición convocado polas respectivas administracións educativas.