Novas

19/06/2024

 

Dúas docentes da nosa facultade reciben o Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global

A Facultade de Ciencias da Educación da UDC resultou premiada na categoría de ensinanzas universitarias da III edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que promove a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento.

A iniciativa galardoada Cartografía corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido desenvolveuse no curso 22/23, nas materias de Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables e Recursos e estratexias de intervención no tempo libre de 3º do Grao en Educación social. Coordinada polas docentes Laura Cruz e María Barba do grupo Ecigal, a experiencia implicou a 72 estudantes, 14 entidades sociais e máis de 130 persoas en situación de vulnerabilidade.

Nesta experiencia de aprendizaxe servizo, coa que se pretendía dar resposta a unha solicitude da Rede Acampa pola paz e o dereito ao refuxio, o alumnado recompilou e analizou discursos de odio, rexistrando os impactos que producen nos seus propios corpos e nos de persoas vulneradas. Empregando saberes do Sur global construíron un relato colectivo mediante cartografías corporais que despois amosaron nunha exposición pública de sensibilización á cidadanía. Ademais, co fin de subverter estas narrativas de odio, xeraron espazos de convivencia a través do lecer coas mesmas entidades e colectivos; vivencias pracenteiras coas que romper coas fragmentacións sociais impostas.

Na web de Ecigal pódese acceder a unha mostra das cartografías corporais elaboradas polo alumnado e polas persoas participantes das entidades colaboradoras. O proxecto foi incluído tamén no mapa Cénit de experiencias de educación para a cidadanía global xunto con outros exemplos referentes na promoción da xustiza social global a través da educación.

A Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta en Santiago de Compostela acollerá, o próximo mércores 19 de xuño ás 11:00 horas, a cerimonia de entrega do premio.