Grupo de investigación:
Resumo: Investigamos sobre a participación infantil en contextos diferenciados (municipio, escola, organizacións), vinculándonos a proxectos de carácter interuniversitario liderados pola Universidade de Barcelona. Os 4 proxectos desenvoltos sobre esta temática, supoñen unha contribución á hora de entender a infancia e a adolescencia como cidadanía do presente, capaz de incidir nas súas realidades de vida e atender aos retos sociais do seu tempo. A educación social ten como unha das súas liñas prioritarias de acción a de promover a participación social, cunha mirada atenta a aqueles colectivos que adoitan quedar fóra dos espazos de acción política ou comunitaria, sendo a infancia un deles.
O proxecto Diagnóstico e propostas para unha cidadanía activa e inclusiva na comunidade, as institucións e a gobernanza (Ministerio de Ciencia e Innovación. I+D+i. RTI2018-098821-B-I00), implicou a técnicos/as municipais, así como a crianzas, na análise do desenvolvemento da participación infantil a nivel local, a través dos Consellos da Infancia e a Adolescencia. Deste proxecto derivouse YOUARECITIZEN. Deseño e validación dunha caixa de ferramentas para promover a participación da infancia a nivel local (Ministerio de Ciencia e innovación. Prueba de concepto. PDC2022-133276-I00), de transferencia de resultados, xerando unha caixa de ferramentas metodolóxicas para o traballo municipal.
Nesta mesma liña de traballo, dende o proxecto europeo IMCITIZEN. Implementing Children Participation Platforms. Active citizens in decision-making (Programa Citizens, Equality, Rights and Values Programme (CERV-2022CHILD de la Comisión Europea. ID: 101100864), estamos a acompañar o impulso de plataformas de participación infantil en escolas de diferentes comunidades autónomas, tamén desde a óptica de entender a infancia como cidadanía, promovendo a súa acción autoxestionada e a facilitación de procesos por parte da poboación adulta.
En clave de continuidade, pero poñendo a mirada na infancia e adolescencia en vulnerabilidade, actualmente participamos do proxecto WETAKEPART. Cidadanía e participación infantil en entidades de infancia (Ministerio de Ciencia e innovación. Generación de conocimiento. PID2022-136267NB-I00), que explora a súa participación dentro de entidades sociais de atención á infancia.
É un traballo de colaboración con diferentes universidades, entidades, centros educativos e municipios de toda España. A nivel galego, traballamos en rede cos municipios de A Coruña, Tomiño e Moeche; os CEIP Ramón de la Sagra e Manuel Murguía da Coruña; así como con Cidades Amigas da Infancia de UNICEF e a Red de Ciudades Educadoras.
Publicacións:
Web(s) do proxecto:
Grupo de investigación: GIPED (Grupo de Investigación en Psicoloxía Educativa)
Resumo: A liña de traballo que se está a desenvolver está orientada a estudar as variables psicolóxicas e socioeducativas que fomentan unha calidade de vida activa e saudable nas persoas maiores. A investigación neste ámbito de traballo permite acercarnos ás características do funcionamento psicolóxico das persoas maiores, contribuíndo con isto tamén á formación dos distintos profesionais implicados, como os educadores e as educaroas sociais, neste caso. A pesar dos estereotipos vinculados ao deterioro orixinado polo paso do tempo, determinadas habilidades cognitivas como a aprendizaxe e a memoria poden conservarse ou incluso potenciarse na vellez. Por outra parte, debemos ter en conta o feito de que o incremento do número de persoas maiores en situación de dependencia lévanos, por un lado, á necesidade inmediata de protección social que a día de hoxe recae nas mans, casi exclusivamente, do sistema informal (familia); e, por outro, plantexa novos retos como ó estudo e atención do coidador principal que sufre unha forte carga emocional derivada da súa función.
Web: https://www.udc.es/es/giped/
Grupo de investigación: SUFRIVIC. Grupo de investigación del Instituto de Filosofía (CSIC; Madrid). Investigador principal.- José Antonio Zamora Zaragoza (Instituto de Filosofía; CSIC, Madrid).
Resumo: Analizar el sufrimiento en perspectiva colectiva; o sea, no tanto como experiencia personal, subjetiva, sino como hecho social. Abordar la producción social del sufrimiento. Interesa contextualizar la temática en la actual situación con los efectos demoledores de las políticas neoliberales y el resurgir del autoritarismo.
Publicacións: José Antonio Zamora (ed.), "Sufrimiento social y condición de víctima: retos sociales, políticos y éticos" (Barcelona, Anthropos/Siglo XXI, 2021)
Web: https://constautorit.es/
Grupo de investigación: Educación para a Cidadanía Global (Ecigal) da UDC; Sepa-Interea (USC) e Aliad-Ultreia (Lugo) María Barba e Laura Cruz
Resumo: A través dun proceso de investigación - acción - participativa, a comunidade penitenciaria (presos, persoal de interior, equipo técnico e entidades externas) implicouse na análise da súa realidade co obxectivo de transformala. Dese proceso de reflexión naceron liñas de acción que buscan mellorar as posibilidades de educación en prisión:
Nun contexto social tan particular como é a prisión, confiamos na animación sociocultural como estratexia de traballo que permite acrecentar as posibilidades de educación, no respecto aos dereitos da persoa. Sabendo das dificultades que impón este contexto (centralidade no control, illamento social, falta de autonomía, impactos sobre a persoa, queime profesional), a experiencia na prisión de Monterroso é unha mostra elocuente das posibilidades desta metodoloxía na mellora das condicións de convivencia.
Publicacións: Barba, María; Morán, Carmen e Cruz, Laura (2017). Animación sociocultural en prisión. Experiencia en el centro penitenciario de Monterroso. Editorial Popular
Web: https://www.ascprision.es/
Grupo de investigación: "Educación para a cidadanía global (Ecigal), UDC Imparten docencia en Educación Social: María Barba, Laura Cruz, Patricia Digón e Araceli Serantes
Resumo: Desenvolvemos proxectos de investigación en materia de Educación para a Cidadanía Global (ECG) e outras educacións críticas e transformadoras. Teñen en común o emprego de metodoloxías de investigación participativa implicando institucións de educación regrada, de diferentes niveis, e outros axentes sociais como ONG (nas que traballan educadoras e educadores sociais). O obxectivo compartido é a promoción de procesos críticos e transformadores que contribúan á xustiza social e ambiental.
A raíz da última investigación realizada en tres fases e finanzada pola Xunta de Galicia, creamos un mapa cartográfico no que identificar experiencias de ECG realizadas en centros educativos de diferentes niveis. Moitas destas iniciativas son desenvolvidas por ONG nas que traballan educadoras e educadores sociais.
Web: https://www.ecigal.gal/
Investigadora: Ángeles Parrilla Latas
Resumo: Este proxecto pretende investigar a exclusión escolar e as respostas inclusivas en España desde varios equipos coordinados. No noso país, aínda que temos un marco lexislativo común, as diferenzas interterritoriales e locais en canto á aplicación de políticas e prácticas educativas inclusivas son terreos inexplorados. Sábese moi pouco sobre como os profesionais, os axentes institucionais e cidadáns en xeral reinterpretan, deseñan, practican e debaten as políticas e prácticas de inclusión educativa nos seus propios ámbitos. Este proxecto abonda na necesidade de interconectar as comunidades educativas para afrontar procesos tan complexos como a desigualdade e a exclusión educativa.
O proxecto propón un estudo de carácter eminentemente participativo que combina unha finalidade descritiva, interpretativa e transformadora sobre as políticas e prácticas de exclusión/inclusión educativa en 4 rexións españolas. A busca de propostas innovadoras para abordar a inclusión social e educativa de acordo cos novos retos sociais require un enfoque multiaxente, multisite e multimétodo que só é posible coa colaboración sinérxica de diversos equipos de investigación.
Web: https://fcce.uvigo.es/es/imasd/proyectos-de-investigacion/miss/